David G. Gándara

David G. Gándara

RSS feedmastodonyoutuberesearchgate qiāng dǎ chū tóu niǎo

gnu logo
fsf member
Login

Unha proposta para transformar as sesións de avaliación

2025-12-14


As sesións de avaliación adoitan ser un exemplo de reunións pouco eficaces, nas que habitualmente os equipos docentes non conseguen empregar o tempo nunha análise das aprendizaxes conseguidos que poida conducir a formular os cambios necesarios para melloras estas aprendizaxes. Case sempre terminan sendo conversacións sobre cualificacións e medias. Incluso poden chegar a ser lectura de nomes acompañados das anécdotas máis variopintas.

Para darlle unha volta a este tipo de reunións, deseñei a seguinte proposta. Parte da idea de que, en xeral, os equipos docentes non teñen moi desenvolvida a competencia para a avaliación (non a cualificación). Se sumamos isto a unha mirada cara a diversidade case sempre orientada ó modelo clínico, obtemos unha combinación nefasta. Inspirándome no Proxecto Zero, da Universidade de Harvard e autores como Perkins ou Swartz, formuleino como un conxunto de habilidades de pensamento que é necesario desenvolver, para o cal, o mellor é o uso de organizadores gráficos.

Esta técnica pode ser útil sobre todo na avaliación inicial, que é na miña experiencia a máis ineficaz de todas, orientándose moitas veces unicamente a reclamar recursos e avaliacións psicopedagóxicas. O mellor para adquirir habilidades de pensamento novas e partir dalgunha que xa dominemos. Calquera docente pode, sen dificultade, falar das dificultades que atopa na súa aula. Comezaremos facendo isto. Cada docente escribirá as dificultades atopadas en tarxetas adhesivas. Estas dificultades, se aínda non nos adestramos na análise de barreiras á aprendizaxe, terán, sobre todo, a forma de: "falta de hábito de traballo", "falta de atención", "condutas disruptivas". Ou tamén esta outra forma: "falta de tempo", "ratios moi altas". Así presentadas, as dificultades non serven para a avaliación. As primeiras, porque son un mindset do modelo clínico, poñendo o foco nos déficits do alumnado, e non en barreiras do contexto. As segundas non servirían se están fóra do control do equipo docente.

Organizador gráfico con tarxetas adhesivas

Unha vez colocadas todas as dificultades formuladas polo equipo, colócanse as tarxetas na primeira columna do organizador gráfico. É o momento de traducir estas dificultades a linguaxe de inclusión, falando de contextos e barreiras. En este artigo explico máis en profundidade como se podería facer esta tradución. A primeria vez que se use esta técnica, o proceso podería terminar aquí, xa que cambiar a mirada, ó principio, é traballoso. Os equipos que xa teñan experiencia nisto quizáis sexan quen de redactar barreiras directamente ou polo menos traducir moi rápido. O máis probable é que no equipo se poida xuntar xente con e sen experiencia. O que pasará é que algunhas tarxetas vaian directamente á columna de barreiras e outras non.

Os equipos con experiencia poden traballar xa nunha terceira columna que podería ter varias formas. Podería consistir en propostas para estratexias de aprendizaxe: grupos cooperativos, gamificación, proxectos... Ou podería consistir en enunciar propósitos de aprendizaxe. Utilizo esta palabra deliberadamente para evitar a discusión de chamarlles obxectivos, competencias específicas, etc. O que si é importante é que teñan forma de competencias. Por exemplo: "Construir textos argumentativos para apoiar as súas ideas", ou "modelar problemas do seu contexto próximo mediante conceptos matemáticos", etc. Estes propósitos permiten outro proceso reflexivo moi importante que é o mellor coñecemento do currículum, e a conciencia colectiva das aprendizaxes globalizadas que esperamos do alumnado. É a porta ós proxectos nos que colaboren docentes de diferentes materias, a codocencia, etc.

Organizador gráfico con tarxetas adhesivas

Probei esta técnica en actividades de formación e tamén nun equipo docente real. En ambos casos a dinámica funcionou moi ben. Non houbo tempo de reflexionar sobre si se desencadenaron cambios na eficacia do conxunto das reunións, ou na mirada cara a diversidade, pero desde logo, parece unha estratexia prometedora.