
Redefinindo dentro e fóra da aula
2024-04-30
Hai uns anos, cando no libro Orientación educativa para 2030
, quixen cuestionar o concepto de dentro da aula ordinaria e fóra da aula ordinaria propuxen que, ó falar dos apoios do persoal especialista en atención á diversidade, había que matizar que algunhas veces os apoios podían ser tamén apoios fóra que se fan dentro e apoios dentro que se fan fóra. Tiven a enorme fortuna de que algunha xente á que respecto profundamente polo seu pensamento pedagóxico leu o libro. E claro, recpéctoos polo seu espírito crítico, polo que obtiven algúns comentarios. Ó concretar a idea en palabras, esa idea dos apoios dentro que se fan fóra podíase ver coma unha invitación a lexitimizar que se segregue ós alumnos, ofrecendo a vía de xustificalo con ese nome.
Por este motivo, lánzome a matizar o que no seu día escribín, coa esperanza de que se poida entender mellor o que eu pretendo. A clave é como entendemos o que significa fóra e o que significa dentro. Por unha parte está o espazo físico entre catro paredes onde a maior parte do tempo está o alumnado nos centros educativos. Están nese espazo e non en outro por criterios como a idade cronolóxica ou o desenvolvemento das súas competencias clave. Entón, dentro e fóra sería fácil de definir. O que está entre as catro paredes é dentro, e o que non é fóra. O que eu pretendo introducir é a idea do espazo de participacíon, que nun sistema educativo inclusivo ten que trascender a estrutura física. Unha actividade da aula pode estar sucedendo en varios sitios á vez. Nun proxecto de horta escolar, parte do alumnado pode ter ido regar as plantas mentres outros están clasificando sementes. Incluso pode estar sucedendo en momentos diferentes. Parte do alumnado de segundo, de cuarto e de quinto están reunidos para maquetar o periódico mentres outra parte do alumnado de segundo está ensaiando un baile. Están agrupados según os seus intereses, non según a súa idade. Combinando as dúas ideas obtemos o seguinte gráfico.
Creo que é fácil estar de acordo no cadrante apoios fóra que se fan dentro. Con respecto ó cadrante apoios dentro que se fan fóra poderíamos poñerlle outro nome, pero é moi necesario falar deles, porque non só sucede que se xustifiquen como apoios dentro accións que evidentemente non consisten na participación na aula ordinaria, como os profes sombra, ou tamén cando, despois dunha adaptación curricular significativa, unha alumna traballa polo libro de dous cursos menos. Tamén sucede que, cando desde dirección, orientación ou inspección se vixila que a maior parte dos apoios sexan dentro (sí, é todo o que se pode esixir según os textos normativos autonómicos), algunhas persoas obsesiónanse porque non se poida sacar a ningúen da aula, facendo imposible innovacións nos agrupamentos, os tempos e os espazos, como as que mencionaba antes, ou outras como descansos activos con exercizo físico entre clase e clase.
Para finalizar, quero aclarar que non estou de acordo coa idea dos apoios. O persoal especialista en pedagoxías inclusivas, o cal si creo que debe existir, debería traballar en codocencia co resto do profesorado, ofrecendo o seu asesoramento experto para poder levar a cabo transformacións metodolóxicas. A razón pola que falo de eles é porque actualmente é o nome que a normativa nos obliga a darlle a estes asesoramentos inclusivos. E os equipos docentes falan constantemente de apoios fóra e apoios dentro. É dicir, é unha linguaxe para falar e cuestionar a escola segregadora, para evitar que as pedagoxías segregadoras se apoderen da linguaxe para segregar máis fácilmente. Cando queremos falar da escola inclusiva non fai falta falar de dentro, nin de fóra, nin de apoios.