David G. Gándara

David G. Gándara

RSS feedmastodonyoutuberesearchgate qiāng dǎ chū tóu niǎo

gnu logo
fsf member
Login

Joseph Renzulli

2021-02-09


image

Quizais a experiencia máis enriquecedora que vivín na educación ata o momento foi o ano escolar que traballei nunha escola bilingüe en Calgary. Tiven a sorte de que me encargaran a titoría dunha clase de terceiro de primaria, onde enseguida me dei conta de que era un grupo cun potencial creativo moi importante. Por sorte, encomendáronme reemplazar á titora anterior, que concebía a educación dunha maneira moi parecida a min. Os nenos e as nenas da clase número 15 xa estaban afeitos a desfrutar de liberdade creativa nas súas tarefas.
Naquel momento aínda non coñecía o traballo de Joseph Renzulli, pero despois descubrín que sistematizou perfectamente o que a min me funcionou por intuición. O que fixen foi que cada día, cada un dispuña dun tempo para os seus "proxectos persoais". Eu íalle dando ideas de cousas, e cada un aproveitaba algunha desas ideas ou traía outra. En pouco tempo tiñamos en marcha unha novela, un libro de contos infantís, un mago deseñando efectos de ilusionismo, e o que máis me impresiounou, un obradoiro de videoxogos. Non fixo falta máis que dicirlles onde se pinchaba para lanzar o programa "Scratch". En poucos meses xa se vían os seus avatares na pantalla dicindo frases divertidas, saltando e xirando. Canta xente pensa que isto é imposible nunha clase de terceiro!
Cando lin "Schoolwide enrichment model" atopei un modelo teórico que explicaba o sucedido. O talento atópase nos comportamentos, non nas persoas. E resulta bastante imprevisible. O que debemos asegurar e que facemos o posible para que xurdan estes "comportamentos talentosos", que poden suceder en calquera persoa.
"Every child is special if we create conditions in which that child can be a specialist within a specialty group."
Renzulli, J. S. (1994). Schools for talent development: A practical plan for total school improvement. Creative Learning Press.